As cores das emocións
Un traballo de Rodri e Gabi. IES Poeta Díaz Castro. Guitiriz
Como nace esta proposta?
No IES Poeta Díaz Castro, para este curso 2017/18, unha das liñas de traballo serán as cores. Desde a nosa aula, en colaboración coa Comisión de Competencias, decidimos lanzar unha campaña de investigación para todas as titorías do centro. De que cores son as emocións para nós, como comunidade que comparte vida?
Ver os resultados, lograda unha total participación, animounos a continuar investigando...
Como se desenvolveu?
Durante o mes de outubro, consensuamos as seis emocións básicas que aparecían no noso día a día e no vocabulario máis común dos integrantes da nosa comunidade. Deseñamos un macro mural para a entrada e todas as titorías e o resto de persoas que convivimos no instituto deixamos as nosas eleccións cromáticas, logo dun tempo de reflexión e debate titorial.
Así,a fin de mes, tiñamos unha colorida entrada que daba conta dunha, afortunadamente, diversísima comunidade. As nosas emocións, nutridas das nosas experiencias, tiñan cores máis ou menos comúns, sempre sorprendentes!
Algunhas imaxes
Inicio: Un mural en branco
Desenvolvemento: Os teus gomets
Finalización: Ai, que de cores!
Invitación!
Esta é a invitación que Rodrigo e Gabi queren facervos. Vede o vídeo e lede as instrucións.
Agardamos as vosas emocións coloreadas...
Proposta de futuro
Aí está o noso xeito de expresar emocións e o noso imaxinario.
Que fará a nosa profesora de Artística co alumnado para transformar esta estatística en arte?
Non deixes de buscar co noso hashtag: #coresguiti. Hai promesa....
Agradecemento
Rodrigo e Gabi son dous alumnos especiais do IES Poeta Díaz Castro. Verás que son especiais non só polo que son capaces de facer senón polo xeito en que o fan.
Contribuíron activamente nunha tarefa organizada para as titorías de todo o instituto, consistente en averiguar de que cor son as nosas emocións, como comunidade que comparte o día a día, en contornas tan próximas, que case son coincidentes.
Cos resultados, estudiados a nivel emocional, artístico, lingüístico e matemático… non podíamos senón continuar… Xurdiron tantas dúbidas…
En realidade, todos os medos adoitan ser negros? Non cremos que os recentes incendios teñan deixado só medos negros na nosa terra…
E… os nosos enfados son sempre vermellos? Pensará en vermello un médico cando se ve impotente para resolver un problema?
Ou... de que cor é a felicidade para un artista que, ademais, pode ensinar arte?
Que cor usa a sorpresa que se esconde nunha melodía, cando a compón un músico?
E… é rosa a angustia cando alguén pisa por primeira vez a asociación contra o cancro?
É universal a cor das emocións?
Fainos falta a túa experiencia. Es unha desas persoas que queremos escoitar, pois estás nunha situación que te fai especial para a sociedade na que habitas.
Por favor, le a proposta que che fan estes dous rapaces, toma un minuto do teu tempo e deixa unha impronta na súa vida. Con todas as respostas recibidas, Rodri e Gabi queren facer un audiovisual que mostrar aos seus compañeiros, para que vexan canto de bo hai na diversidade que construímos, que nos inclúe a todos.
Grazas por terme lido. Grazas se continúas neste, seu enlace (faino, por favor) e… moitísimas máis grazas aínda, se caes na súa influencia. Non esquezas, entón, enviarnos por correo ese minuto da túa vida para facer parte da nosa.
Susana Vázquez Regueiro.
IES Poeta Díaz Castro.
Quen somos?
IES POETA DÍAZ CASTRO
Email: orientaguitiriz@gmail.com
Website: http://alusdomundo.com/
Location: Rúa Xermade, Guitiriz, Spain
Phone: 982870342 - 611485899
Facebook: facebook.com/alusdomundo
Twitter: @alusdomundo