168 PROMOCIÓN 2ºBAC
DISCURSO DIRECTOR. IES SANCHEZ CANTON PONTEVEDRA 2012-13
IES SÁNCHEZ CANTÓN
CENTRO DE ENSINO PÚBLICO
PONTEVEDRA
Sres. Compañeiros do E. directivo.(Secretaria, Vicedirector, Xefe de estudos)
Sra. Presidenta da ANPA
Señores titores
Señores Profesores
Estimados pais, nais, familiares e amigos
Benqueridos alumnos e alumnas de segundo de bacharelato
Señoras e Señores:
Boa tarde, en nome do equipo directivo do Ies “ Sánchez Cantón” de Pontevedra … doulles a benvida a esta graduación da cento sesenta e oito promoción do 2º curso de bacharelato.
Alumnado de segundo, sodes os protagonistas deste acto. Como director do Sánchez Cantón é un orgullo e unha satisfacción acompañarvos no día da vosa graduación … parece que foi onte canto entrastes en primeiro da ESO sendo uns nenos e agora saídes sendo xa mozas e mozos … persoas maiores adultas, homes con chaqueta e gravata, mulleres vestidas de señora. Fóronvos seis anos moi ben aproveitados.
Podo dicirvos no nome do claustro de profesores e de todo o persoal que coida de que o centro funcione, que hoxe temos a grata sensación do deber cumprido ... Véndovos agora aquí tan maiores e serios pensamos que o noso traballo aínda paga a pena, que traballar na ensinanza pública é un valor engadido. Todos intentamos axudarvos e ensinarvos o mellor que sabíamos, a vosa actitude e o voso esforzo puxeron o resto ... Nestes seis anos aprendestes moitos contidos, pero tamén moitos valores e actitudes: … o respecto polos demais, polos que non son ou non pensan coma vós…, polas normas que nos permiten convivir en igualdade de deberes e dereitos. Ogallá todo isto vos sirva no futuro universitario ou laboral para serdes boas persoas e bos cidadáns.
Vós sodes a esperanza do país, o futuro, non vai haber crise que se vos resista porque seredes xente ben formada, ilusionada e con ganas de comer o mundo … Vivimos tempos moi duros, … espero que vos souberamos inculcar que o traballo, o esforzo, a creatividade e a ilusión son imprescindibles hoxe para atopar traballo… A nosa tarefa formativa rematou, pero non a vosa, sexa na Universidade ou sexa nos Ciclos Formativos, seguídevos formando ata conseguir un título oficial. Aquí, en Madrid ou en Berlín cómpre estar ben formados para optar a un traballo digno. Seguro que vós xa teredes a sorte de ver a crise vencida. E mentres, a loitar.
Quero agradecerlles especialmente aos vosos pais (…e tamén avós e irmáns) a súa colaboración na vosa formación. Hoxe están aquí que lles cae a baba véndovos tan guapiñas unhas e elegantes outros … pero antes viñeron moitas veces para saber dos vosos estudos, xustificar as vosas faltas … porque tiñan moi claro que a vosa formación era cousa deles e nosa. Seguro que algunha vez eles vos tiveron que rifar ou chamar a atención na casa, …coma os directivos e os profesores o faciamos no Sánchez Cantón, …pero xa sabedes que era polo voso ben, polo que teremos ben seguro a vosa comprensión.
Tivestes moitas actividades extraescolares tivestes moitas actividades formativas, talleres, saídas, Semana branca, Italia, Madrid etc … As letras galegas, concursos literarios de lengua y literatura española… actividades da biblioteca, exames DELF, deportes, etc. … Estou seguro de que todas estas actividades complementarias …(nas que tamén debemos resaltar a axuda dos vosos pais e dos profesores que vos acompañaron) … contribuíron á vosa formación
Desexo agradecer e felicitar a todo o profesorado, ós que vos deron clase e sobre todo ós que se xubilaron ou xubilan este ano en concreto , Dª Lidia Méndez. Dº Eduardo Castro Peralta, Dª José Manuel Pensado, Dº Casimiro Mesejo González, Dona Mercedes Pita Rasilla e Dº Rafael Sánchez-Agustino Rodríguez é a Dona Marián Costa Giráldez…… ¡Grazas! por todo o empeño que puxeron na vosa formación … e non podo esquecerme de mencionar os meus compañeiros do equipo directivo:… a secretaria Dona Ana Martínez, os Xefes de estudos, Don José Lijó Parada e Don Antonio Rey Sorribas, o Vicedirector don Francisco Pérez Carral. Os meus agradecementos ao traballo levado a cabo pola orientadora Dª. Carmen Tallón… ademais, como non, á directiva da ANPA "O Verxel" representada aquí polo seu presidente Dº Luís Araujo Gómez,é o secretario Dº José Fernández López. A todo o persoal da secretaría, da conserxería, da limpeza e, por suposto do bar,… pola axuda que vos prestaron todos estes anos. Agradecemos especialmente a presenza de Dona Elena Fernández Rodríguez acompañando neste acto ó seu alumnado de 2º de bacharelato do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, extensión académica do IES Sánchez Cantón.
E teño que ir xa rematando porque esta noite vai ser moi longa, verdade? … Así que … Ás vosas familias … dígolles que hoxe poden presumir e sentirse orgullosas de vós.
E vós,… alumnas e alumnos, espero que sempre gardedes nos vosos corazóns unha boa lembranza deste instituto público e vos sintades orgullosos de terdes estudado no IES Sánchez Cantón, que o poñades no voso perfil do Facebook e do twitter.
A todos vós o meu máis profundo agradecemento.
Moitas grazas e moita sorte para todos.
Graciñas