Aí vén o maio
- O primeiro de maio é o DÍA DO TRABALLO, mais tamén é o día no que se poñen ponlas de xesta florida nos coches, nos barcos e nas cancelas e portas das casas para que non entren os meigallos nin as bruxas. Como o noso centro é urbano (e a maioría do alumnado) e non temos xestas poñemos unha xesta.jpg para que protexa a nosa web e aula virtual de virus e spam -os meigallos virtuais-.
- En Pontevedra tamén é o día no que a Praza de Ferrería acolle o tradicional concurso dos maios.
- Achegamos unha actividade de ogalego.eu para celebrar este día.
Os Maios de 2012: vídeo de PonteTV.
1 de maio de 2007: Maio do IES Sánchez Cantón.
Aquí estamos outro ano
para facelos disfrutar
criticando esta vila
dun xeito moi singular.
Ao ritmo dos nosos paus
cantaremos neste día
esperamos ter boa sorte
e levar unha alegría.
Mais antes de criticar
dar as grazas a esta xente
que nos vén a escoitar
na praciña coma sempre.
Que perigo nas estradas!
Presten moita atención
se non queren perder puntos
teñan moita atención.
Os puntos andan moi caros
nas subhastas de Internet
pagaremos pola ducia
para encher todo o carné.
Estes novos condutores
pensan que poden correr
como Raikhonen e Alonso
e sen nada que perder.
Moito falan das vivendas
pouco fan para baixar
ese prezo escandaloso
que ninguén pode pagar.
Isto das mini-vivendas
serve para reducir
o espazo e os cartos
que temos para vivir.
A vivenda está moi cara
Ninguén o pode negar
a mocidade de hoxe en día
non sabe onde vivirá.
Neste tempo electoral
todos andan a prometer
a ver se algún fai algo
do que imos propoñer.
Aproxímanse eleccións
Teremos un gran combate,
fagan as súas propostas
todos queren ser alcalde.
Telmo tenche cada cousa
di que o metro vai poñer
Pontevedra é pequeniña
pouco ten que percorrer.
Este mundo anda tolo,
a quen se lle ocorrerá
ir queimar os nosos montes,
esta xente está de atar.
Nosa Galicia fermosa
no verán moito sufriu
moitas árbores arderon
ningunha sobreviviu.
Esperemos que o goberno
propoña novas medidas
para evitar que os incendios
ocorran nas nosas vilas.
Nós cos cubos ben cargados
os incendios apagamos
desexamos que outro ano
alguén veña a axudarnos.
No tema da sanidade
queda moito por cambiar
todo segue coma sempre
canto pode mellorar!
Xa que estamos criticando
falemos do hospital
esperando moitos anos
e a cousa sempre igual
Xente na sala de espera
queremos un hospital
que sexa grande de abondo
como di a opinión social.
Os rapaces de hoxe en día
non pegaron o estirón
pero toman "chocolate"
cando toca o biberón.
Eles aínda son uns nenos
confunden a diversión
pensan que o máis moderno
é face-lo botellón.
Cando saímos de troula
atopamos un montón
deses mozos tan pequenos
sempre montando follón
Temos Pontevedra en obras
todo está moi levantado
esperemos que rematen
pois o ruído é moi pesado.
Coa cidade peonil
xa podemos pasear
ben tranquilos pola rúa
sen que veñan molestar.
Pensamos que Pontevedra
sería aínda máis fermosa
se puideramos sacar
a maldita Celulosa.
Unha semana movida
traballando sen cesar
entre flores e fiúncho
non puidemos descansar.
Antes de nos despedir
queriámoslles pedir
que merquen as nosas coplas
non se van arrepentir.
Xa nos imos despedindo
isto ten que rematar
esperemos que o xurado
nos saiba recompensar.
O MAIO DA SECA, Pontevedra, l986.
Este noso Axuntamento
arreglou o mexadeiro
e reforzou o servicio
cos do novo aparcadeiro
Pois según temos ouvido,
sen ganas de criticar,
moitos dos que alí entran
tan soio van a mexar.
Inda está sen rematar
e fáltanlle moitas feiras
á desfeita que fixeron
no que eran as Palmeiras.
Esta festiña dos Maios
se non lle quitan o mal
temos medo que remate
coma as do carnaval.
Non faltaban nen dez días
e non fora convocada
seguro que Don Manuel
andaba a facer queimada.
Manda xa na T.V.G.
quen presentaba Ruada
aos de aquí de Pontevedra
tomounos de carallada.
A esa televisión
máis que chamarlle galega
deberían de chamarlle
da Coruña e Compostela.
A xente de aquí da Seca
ándache moi cabreada
porque Santa Margarita
está de novo parada.
Se a obra tarda tanto
como outras do Axuntamento
inda secará o carballo
antes que a Santa esté dentro
Estamos cansos de cantar
e quedamos sin saliva
bótennos axiña o premio
e non nos desconten o I.V.A.