RAVACHOL II
O PRANTO
PRANTO POLO LORO RAVACHOL
IES SÁNCHEZ CANTÓN. 2013-2014
Preme no loro para escoitar o pranto
Amadísimos alumnos e profesores
Hoxe é un día moi triste, o papagaio Ravachol, o noso loro, o papagaio namorador de cacatúas, o príncipe das aves parlanchinas finou, morreu na paz dos paxaros.
Temos que facerlle o pranto, chorar por el e polo Entroido que marchou con el. Agora que vai ser de nós nesta longa coresma, neste longo mes ata as vacacións de Semana Santa? Si, benqueridas viúvas e viúvos, metidos tantos días seguidos neste Sánchez Cantón sen nos poder divertir! Os alumnos a estudar e os profesores a corrixir agardando a maldita avaliación! Ai, Por que non resucitas para nos salvar, querido Ravachol?
E fúcheste sen protestares, levando contigo as nosas diversións e alegrías carnavalescas. Ai, amigas e amigos, loreade comigo repetindo todos esta loración: Liberános Ravachol
De todas as notas por debaixo do cinco Liberanos Ravachol
De todos os deberes e traballos para a casa Liberanos Ravachol
De todas as estancias na Aula de convivencia Liberanos Ravachol
(a ver, que loreen tamén os profesores que non se escoitan)
De todas as chamadas á Dirección Liberanos Ravachol
De todas os sermóns do Xefe de Estudos Liberanos Ravachol
De todas as prohibicións de usar o móbil Liberanos Ravachol
De todas as faltas de orde sempre inxustas Liberanos Ravachol
De todas as chamadas aos pais e nais Liberanos Ravachol
De todos os avisos das titoras Liberanos Ravachol
Das faltas de asistencia e retrasos Liberanos Ravachol
De todos eses horribles papeis de cores chamados partes Liberanos Ravachol
De todos os malos amigos e compañeiros peores Liberanos Ravachol
Que ardan o domingo coas túas plumas todos os males e queden connosco todos os bens.
E déixanos logo só cos bos amigos e amigas … coas profesoras sempre alegres e os profesores que nunca se enfadan … cos ricos bocatas e lambetadas da cafetería … cos nosos queridos móbiles sempre acendidos … cos conserxes que nos deixan saír fóra sempre que nos apeteza … cos ligoteos na Biblioteca …
Adiós, au revoire, good bye, requiescat in pacem, queridísimo papagaio … choremos, chorade ata acabarmos roucos, sen voz polo noso finado entroido e polo noso Ravacholiño tan guapiño, que cantaba tan ben e falaba mellor. Que o Supremo facedor dos seres alados o acolla no paraíso das aves. Amén!.