PABLO CACHEDA COMENTARIOS III

ALUMNAD0 2ºD COMENTAN A VISITA DE PABLO

PREME PARA VOLTAR

ALBA

Boas, Pablo. Esta semana empregamos todas as clases de literatura galega en ver a web serie, asistir a tua charla e mesmo a ver a curtametraxe que fixeches xunto cos teus compañeiros en cuarto da ESO.

Eu xa asistira ao estreo da web serie a comezos de curso e pareceume unha idea moi orixinal, xa que nunca vin nada semellante. Ademais do interesante que é o argumento a pesar de ser sinxelo, é unha serie moi divertida, tanto na parte das clases coma na da vida de Carlos. Nas clases, o toque de humor apórtao a maneira de falar dos profesores e as actividades que len os alumnos. En canto á vida de Carlos, considero que Santi Romay e Sabela Arán fan unha parella bastante curiosa, pero que na serie queda moi ben.

A min sempre me interesou bastante todo o relacionado co cine e a televisión, polo que a túa charla serviume para aprender algunha cousa máis sobre estes temas, e abraioume descubrir que a web serie fora gravada cunha cámara de fotos, xa que a imaxe ten unha gran calidade.

A curtametraxe que fixeches en cuarto da ESO pareceume moi graciosa, entre outras cousas probablemente porque a avoa era un rapaz con perruca, e sorprendeume moito que tivese tres posibles finais, aínda que o máis gracioso foi o final friki.

Moita sorte cos teus proxectos, espero poder ver máis web series, curtametráxes ou memo películas dirixidas por ti.

CARLOTA

Moi boas Pablo, son Carlota!

Quería dicirche que me sorprendeume gratamente a túa visita , foi moi enriquecedora e divertida. Gustoume saber un pouco máis sobre as saídas do audiovisual posto que probabelmente farei o dobre grao de xornalismo e audiovisuais. Ademais sempre é interesante recordar que podemos atopar detrás dunha rodaxe e os postos que poderei desempeñar detrás dunha cámara. Teño unha pregunta: que é o que destacarías ou o que máis te gusta de ser director? E que vou a dicir eu da webserie... pois que me parece un gran traballo, unha serie traballada e moi ben pensada, cuns actores e equipo incribles e cunha idea fantástica e moi orixinal posto que todos necesitabamos unhas boas clases do social. Estou moi orgullosa de coñecerte a ti e a todo o equipo e de participar nesta aventura que temos que difundir por todas as vías posibles, porque considero que é moi importante tamén que a xente coñeza Pontevedra, una cidade preciosa con moitas oportunidades, como dicía Julio Cela no vídeo, para rodar.
Outra da cousas que sempre quixen comentarte é que a BSO da webserie abraioume moitismo, Monoulious DOP fixeron unhas cancións extraordinarias e pegadizas así que agora "escoita ben o que te digo, ven e apúntate a unhas clases do social" Por último, falar da curta que fixeras en 4ºESO. Foi interesante verte sendo actor e a verdade é que a idea estaba moi ben, persoalmente opino que o "friki end" foi o máis divertido, na clase todos escachamos coa risa.

Un saúdo, e espero que a segunda tempada teña tanto éxito como a primeira ou incluso máis, que de seguro será así.

ELISA

Ola Pablo! En primeiro lugar, parabéns por conseguir tanto éxito coa web serie e polo éxito que terá nun futuro. Interesoume moito a actividade do martes. Foi unha sorte ter a oportunidade de estar contigo e aprender tantas cousas. Nunca me interesou este campo porque sempre tirei máis para ás linguas e literaturas pero aínda así, aprendín moitísimo. Como ti dixeches, moitas veces pensamos que detrás dunha película ou serie non hai tanta xente coma é en realidade. Isto fíxome ver todas as persoas que están ocultas ou que non se dan importancia pero que para facer unha serie ou película son esenciais.

Poida que o que máis me interesase da actividade fora cando contaches anécdotas que aconteceron durante a produción da serie ou cando te centraches en como se elaborou a serie. Nunca antes vira a web serie, a primeira vez foi o luns con Anxo. Deixoume impresionada por unha razón: o tema, o tema da serie é moi interesante e orixinal. Non sabía que ningunha serie tratase deste tema polo que sorprendeume, non coma agora, que todas as series tratan do mesmo. Por outro lado, o ambiente, xunto co tema, é orixinal. Coñezo poucas series que se rodasen nun instituto e menos aínda nunha clase. Algunha das rapazas e rapaces que actuaron na serie coñézoas e o fixeron moi ben para ser tan pequenos e sen tampouco experiencia. Os demais actores fixérono xenial, sobre todo Carlos e Sabela.
Onte vimos na clase o traballo que fixeches con dous amigos máis en 4º ESO. Rinme moitísimo. O tema non me gustou pero a actuación dos actores facíame moita gracia. Tamén me pareceu orixinal que houbese tres finais diferentes. Poida que o que máis me gustase fose o final friki, moi irreal pero aínda así, as risas están aseguradas.

spero que sigas triunfando coa serie e moita sorte cos teus próximos traballos. Ata outra! Unha aperta!

CARMEN

Bos días Pablo: En primeiro lugar quería agradecerche que quixeras vir a falarnos sobre a túa webserie e as carreiras ou graos que podemos facer se nos interesa algo relacionado co mundo das audiovisuais. A min persoalmente non me interesa especialmente este tipo de traballo, pero paréceme moi interesante aprender algo máis sobre isto e todo o traballo que conleva, sobre todo porque é algo que está moi presente nas nosas vidas diarias e poucas veces nos paramos a pensar todo o traballo e a cantidade de xente que fai falla para levalo a cabo. Ademais, o feito de que sexas un exalumno do instituto, que tiveses tanto éxito e lle teñas tanto agarimo a este sitio onde pasamos tantas horas nas nosas vidas, é algo que me alegrou moito e que moita máis xente debería facer para que os que están estudando aprendan cousas novas e descubran se ese mundo é o que lles interesa.

Sobre a túa webserie, non vin todos os capítulos, pero despois de ter visto algún na clase gustaríame acabar de velos. Gustoume moito o feito de que os alumnos fosen realmente alumnos, e moitos deles do noso instituto. Ademais, os actores que facían de profesores, a pesares de non exercer este oficio, aportan cada un un matiz diferente que o diferencia, tal e como ocorre cos mestres de verdade. Unhas Clases do social é algo que todos deberiamos ter polo menos unha vez na vida, xa que moitas veces nos atopamos diante de situacións da que non sabemos como saír, tal e como lle ocorre ao protagonista, e que con estas clases saberiamos resolver de mellor maneira. Polo tanto, o tema da webserie paréceme moi útil e tamén innovador, polo que, dende o meu punto de vista, terá moito éxito.
Sobre o traballo que fixestes en cuarto da ESO, hei de recoñecer que para os escasos medios que había naquel momento está moi ben feito. É moi divertido, e imaxino que vós o pasariades xenial mentres o faciades, que é o mellor de facer este tipo de traballos. Acórdome de que eu en cuarto da tamén fixen un traballo semellante e paseino realmente ben facéndoo.
Desexo que teñas moita sorte no futuro e que todo te vaia ben.
Saúdos



IES SÁNCHEZ CANTÓN
CENTRO DE ENSINO PÚBLICO
PONTEVEDRA

Curso 2013-2014