A IMPORTANCIA DA PROGRAMACIÓN
Algunhas reflexións sobre a planificación didáctica
Poñendo a mente a traballar...
Tras rematar esta primeira clase, de volta na casa, decidín indagar un pouco máis para ampliar os meus coñecementos sobre a importancia que se lle atribúe á planificación. Para iso, procurei en varios estudos e informes publicados en liña sobre esta actividade e atopei un traballo moi interesante (deixo o enlace á fonte máis abaixo) nunha revista dixital de investigación "3 ciencias" no que se analiza a importancia que ten programar e de onde extraín a seguinte información que me axudou a reflexionar sobre o tema.
Nota mental 1:
Un bo docente ten que ter un coñecemento total dos procedementos e métodos que lle son necesarios para que a programación que vaia deseñar cumpra o seu obxectivo principal: o ensino.
Nota mental 2:
A actividade de programar refírese á toma de decisións por parte do docente que determinará como quere orientar a súa acción. Programar e planificar son termos referentes ao proceso desa toma de decisións mediante as que o profesor ou profesora prevé a súa intención educativa dunha forma deliberada e sistemática.
A programación como instrumento de planificación debe cumprir unhas características xerais como:
Adecuación a un contexto
Concreción e flexibilidade
Viabilidade
Algunhas preguntas que debemos contestar...
O estudo tamén nos indica que para deseñar e especificar os elementos da programación debemos formularnos unha serie de preguntas que posteriormente deberemos responder.
- Para que ensinar?
- Que ensinar?
- Que avaliar? Cando? Como?
- A primeira cuestión refirese a que obxectivos perseguimos.
- A segunda a que contidos imos estudar e a súa metodoloxía.
- A terceira fai referencia aos proccedementos de avaliación que imos aplicar.
Conclusións
Para finalizar esta primeira reflexión sobre a materia podo concluír que, a grandes trazos, o feito de elaborar unha planificación/programación adecuada axudaranos a eliminar o azar, é dicir, a quedar exposto a situacións non previstas, a sistematizar e ordenar o noso proceso de ensino e a adaptar o traballo pedagóxico ás características do contexto e, é por isto, polo que constitúe un dos piares básicos do proceso ensino-aprendizaxe.