Une rencontre littéraire
Mª Xosé Queizán et Jérémy Crost.
Hoxe ás 12:30 tivo lugar no IES Sánchez Cantón esta actividade, organizada pola Sección Bilingüe de Francés, Departamento de L. e Lit. Galega e a Biblioteca, que contou coa presenza da recoñecida escritora María Xosé Queizán.
O alumnado da Sección Bilingüe de Francés asistiu a unha actividade especial, única, que rara vez se pode ver nun instituto: un encontro literario entre unha escritora e un estudoso da súa obra. Jeremy Crost, auxiliar de conversa de Francés no instituto, leva un tempo estudando a obra literaria de María Xosé Queizán. Hoxe coñeceu en persoa á escritora no noso centro e dialogou con ela sobre a súa obra. Fixérono en francés e en galego e fixérono diante do alumnado. Por que se decidiu a escribir, por que o fai en galego, como escolle os temas e como os desenvolve, foron algúns dos aspectos suxeridos por Jeremy e amplamente desenvolvidos por María Xosé. A longa conversa foi seguida nun respectuoso silencio por todo o alumnado que ao final puido facer algunha pregunta sobre un dos aspectos máis tratados na literatura da escritora: a discriminación das mulleres.
No Instituto Sánchez Cantón estamos moi agradecidos a María Xosé Queizán e a Jeremy Crost por nos agasallar con tan interesante conversa.
Ideal de saúde mental feminina
Ponte guapa sumisa maquillaxe abnegada,
masaxe dependente depilación
pasiva bronceado maternal
suave peluquería emotiva
limpeza de cutis e ri
Ponte tacóns e ri
Ponte riquiña e ri
Ponte debaixo e ri
Ponte preñada e ri
Ponte a fregar e ri
¿Como non delirar?
Algo como un desgarrado ouveo
unha rabia alimentada por mil avoas silenciosas
estertor e furia.
¡Ponte quieta!
¡Histérica!
¡Contra natura!
¿Non coñeces os límites?
¿Como non delirar?
¡Delira!¡Delira!¡Está delirando!
¡Reclusión! deciden
¿Fogar ou manicomio?
A elixir...
Non o abras como unha flor (2004)