Mitos e Lendas
Proxecto documental sobre "Expedicións e expedicionarios"
Gilgamesh
Mesopotamia
Gilgamesh era un semideus, rei de Uruk, que gobernaba despoticamente os seus súbditos. Tras escoitar as súplicas destes, os deuses deciden crear a un oposto seu, Endiku, para que o derrote. Nun principio ambos contendentes enfróntanse, pero máis tarde Endiku sofre unha transformación e acaba converténdose en amigo incondicional de Gilgamesh, a quen acompaña aos confíns do mundo para derrotar o mal.
Ambos heroes vivirán unha serie de aventuras formidables, terán que loitar con xigantes e animais portentosos e serán perseguidos por Ishtar, a deusa do amor, tras verse rexeitada polo noso heroe. Nunha desas loitas, Gilgamesh acaba co Touro Celeste, e, os deuses, ante a imposibilidade de matar ao culpable, deciden sacrificar a Endiku no seu lugar. Así, o rei de Uruk, ante a aterradora visión da morte, comeza unha desesperada busca da inmortalidade, que non terá éxito ao non poder superar as probas que lle impoñen os deuses. Finalmente, derrotado, Gilgamesh regresa a Uruk onde morre.Sinuhé
Exipto
Sinuhé era o tesoureiro do faraón Amenemhet. Cando o soberano morreu nun complot palaciano, o seu herdeiro Sesostris, que se atopaba en campaña contra os libios, é advertido e apresúrase a regresar á capital para reclamar os seus dereitos. Sinuhé, entón, ante o temor de verse acusado, foxe atravesando Exipto ata terras asiáticas. Alí, nun deserto sirio, atópao desfalecido o xefe dunha tribo beduína, quen non dubida en acollelo e darlle a súa confianza ata o punto de entregarlle en matrimonio a súa filla e un rico territorio para que o exipcio o administre.
Sinuhé prospera en terras de Palestina e Fenicia pero a súa fama provoca envexa. Deste xeito, verase obrigado a pelexar contra outro caudillo que o desafía, aínda que non terá problemas para derrotalo e quedar cos seus territorios e riquezas.
Pero Sinuhé non é completamente feliz despois de tantos logros. Asi, xa ancián, coa nostalxia da patria, decide voltar a Exipto. O faraón, entón, envíalle unha carta onde o exhorta a regresar e recíbeo con regalos, encargándolle, ademais, unha suntuosa tumba desde a que poder acceder con honores á vida eterna.
Ulises
Grecia
Ulises, chamado en Grecia Odiseo, era o rei de Ítaca, unha illa xónica que foi obrigada a participar na Guerra de Troia para recuperar a Helena, raíña de Esparta raptada por Paris, príncipe troiano.
Tras dez anos de loita sen poder tomar a cidade, Ulises, un heroe que destaca pola súa intelixencia, urde unha estrataxema que os conducirá á vitoria: trátase de construír un gran cabalo de madeira e agochar aos guerreiros gregos no seu interior para poder entrar na cidade e conquistala.
Pero unha vez destruída Troia, todos os combatentes regresan a casa excepto Ulises, que se verá empuxado a un longo periplo polo Mediterráneo perseguido pola cólera de Poseidón, deus do mar. Aquí vivirá unha verdadeira odisea, tomando contacto con pobos descoñecidos e vendo cousas que ningún outro home antes vira. Mentres tanto, a súa fiel esposa Penélope, asediada por pretendentes aos que rexeita, esperará durante vinte anos o regreso do heroe xunto ao pequeno Telémaco.Eneas
Roma
Eneas foi o único troiano que se salvou tras a caída de Troia. Este heroe, fillo de Anquises e da deusa Afrodita, seguindo o consello da súa nai, fuxiu con vinte naves en compañía do seu pai e do seu fillo Ascanio cara a Macedonia. Dende alí realizou unha dura travesía por diversos territorios do Mediterráneo Occidental, chegando a perder trece barcos, ata chegar a Cartago onde o recibiu a raíña Dido, que se namorou del. Con todo, tras varios anos de feliz permanencia, Eneas, por orde de Xúpiter, debeu abandonar a Dido e esta, inconsolable, decidiu acabar coa súa vida.
Pero o destino de Eneas era ser o pai dunha gran nación. Tras chegar ao Lacio dende Cartago, remonta o río Tíber e atopa unha rexión gobernada polo rei Latino. Este rei tiña unha filla, Lavinia, a quen os oráculos prohibiran casar cun home da rexión por estar destinada a unirse a un estranxeiro. Eneas viuse obrigado, entón, a combater cun pretendente seu, o rei dos rútulos, pero saíu vencedor e casou coa rapaza.
Descendentes de Silvio, o fillo que tiveron Eneas e Lavinia, foron os xemelgos Rómulo e Remo que posteriormente fundarían a cidade de Roma.
Ith
Galicia
Conta a lenda que unha vez que Ith, o fillo de Breogán, se atopaba no alto da torre de Breogán (a Torre de Hércules), contemplando o inmenso océano fronte a el, pareceulle ver no horizonte unha sombra parecida a unha illa. Preparou, daquela, unha expedición e embarcou cara a esa enigmática terra; así foi como os celtas de Galicia chegaron a Irlanda. Despois da desgraza da expedición do seu fillo Ith, quen -aínda que embarcara coa mellor intención cara a Eirín ou Irlanda- acabou sendo alí asasinado, Breogán, en vinganza pola morte do seu fillo, mandou unha grande expedición ao mando dun dos seus netos, Mil, quen derrotaría os habitantes da illa e se asentaría na terra conquistada.
Simbad
Arabia
Hai moitos anos, en Bagdad, vivía un mozo chamado Simbad. Á morte dos seus pais herdou unha fortuna, pero malgastouna. Viuse obrigado a embarcar cara a Oriente para recuperar o patrimonio. Así viaxou polo Océano Índico e polo Mar da China vivindo grandes aventuras, naufraxios e peripecias que poñerían en risco a súa vida. Simbad coñecería paxaros xigantes, cíclopes, baleas, caníbales, ríos de diamantes e covas cheas de marfil. Xa rico e cun valioso cargamento, regresa a Bagdad, pero o seu irrefreable desexo de coñecer novas terras vai impulsalo a saír ao mar ata en seis ocasións. Por último, tras casar coa filla do xefe dunha tribo de homes-paxaro, regresa a Bagdad para gozar dunha ben gañada riqueza ata a fin dos seus días.
Os irmáns Ayar
Perú
Contan que hai moito tempo saíron catro irmáns coas súas respectivas esposas dunha cova do cerro Tampu Tocto enviados polo deus Sol para fundar o imperio inca. Co fin de que non se equivocasen, o deus ofreceulles un bastón de ouro e recomendoulles fundar unha cidade alí onde a vara se afundise.
Xuntos dirixíronse cara ao nordés en busca de terras fértiles. No traxecto os irmáns, temerosos do poder físico dun deles, Ayar Cachi, provocaron un derrube na cova onde se atopaba e pecháronlle a entrada.
Os demais continuaron o seu longo camiño ata que chegaron ao cerro Huanacaure. Aquí viron un gran ídolo lítico e celebraron un consello, no que decidiron que Aya Uchu debía permanecer en dito lugar petrificado formando parte da imaxe.
Os que quedaron descenderon ao val do río Huatanay, pero Ayar Auca adiantouse e ao chegar foi convertido en estatua de pedra. Neste lugar Ayar Manco atopou boas terras, probou sorte co bastón e, ao ver que se afundía, fundou a cidade de Cuzco, tralo que construíu o Inticancha (primeiro templo do Sol).